O ecoloxismo como macguffin

O ecoloxismo como macguffin

Como se pode loitar contra as emisión contaminantes? Impoñendo restricións e aplicando impostos elevados as industrias que emiten carbono a atmosfera? Baixo o paradigma neoliberal iso sería comunismo e, sobre todo, perder unha oportunidade única para exercer a actividade favorita do tardocapitalismo: especular.

Por iso, no Protocolo de Kyoto (1997) se aprobou a posta en marcha dun sistema de bonos ou créditos de carbono. De tal maneira que as empresas que desexan seguir contaminando só teñen que emitir bonos cos que, supostamente, se financian proxectos sostibles, de tal maneira que sería unha forma de compensar os efectos das emisións contaminantes. Que pasa se unha compañía supera os límites de emisión de créditos de carbono? Pode mercarllos a outras empresas. E así é como a loita contra a crise climática se transformou nun novo eido de especulación e enriquecemento a través dun mercado de bonos de carbono que non só non funciona, senón que permite o enriquecemento a costa da supervivencia do planeta.

Querido lector, perdoa esta introdución tan extensa para falarche de Sangue e diñeiro, unha miniserie creada, co-dirixida e co-escrita por Xavier Giannoli, o cineasta detrás da soberbia As ilusións perdidas (2021). Por que penso que era preciso este contexto? Sangue e diñeiro narra con rigor e didactismo o que en Francia se coñece como a maior estafa do século. Tres homes detectaron un fallo de deseño no mercado de bonos de carbono que permitía cobrar o IVE de ditos créditos por anticipado e, logo, pechar as sociedades coas que se facían as operacións de compravenda antes de ter que abonar o IVE ao fisco francés.

Os cartos roubados (estamos a falar dun tipo impositivo do IVE do 20%) eran empregados para mercar novos bonos e continuar coa espiral fraudulenta. As ganancias obtidas a costa do heraldo público foron de miles de millóns.

Giannoli tece a historia combinando, por unha banda, o punto de vista dos criminais e, por outra, a investigación que foi capaz de detectar o fraude e incapaz de detelo. Por que? O sistema político non estaba polo labor de recoñecer que o mercado de bonos de carbono era un absoluto fracaso, non só na loita contra a crise climática, senón na súa propia concepción.

Estes dous puntos de vista permiten a Xavier Giannoli cubrir todos os espectros da cuestión: especuladores legais (dende as compañías que emiten, venden e compran bonos, ata os asesores financeiros que xestionan as operacións), especuladores ilegais e defraudadores (os ladróns do IVE) e o sistema público (corroído polo discurso neoliberal dende hai décadas).

O resultado é un thriller aditivo, rodado con pulso e liderado por un sensacional (coma sempre), Vincent Lindon. Unha miniserie capaz de explicar unha cuestión complexa tratando sempre á persoa que está ao outro lado da pantalla como un adulto capaz de pensar e chegar a conclusións por si mesmo. E nos tempos que corren, no que o discurso se subliña unha e outra vez, isto semella ser, case, un milagre.

Sangue e diñeiro
Creada por Xavier Giannoli
Dirixida por Xavier Giannoli e Frédéric Planchon
Reparto: Vincent Lindon, Niels Schneider, Ramzy Bedia, Olga Kurylenko, Judith Chemla
Francia, 2023