DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun convenio asinado entre a UVigo e a universidade francesa

A Universidade da Sorbona acolle un coloquio cervantino centrado na afirmación do eu na obra de Cervantes

O catedrático Montero Reguera finalmente non puido asistir pola folga de controladores

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 29/04/2024

O Coloquio Internacional Yo sé quién soy: L’affirmation du je dans l’ouvre de Cervantes reuniu esta fin de semana na Universidade da Sorbona en París a algúns dos máis importantes estudosos do mundo especializados na obra de Miguel de Cervantes. 

O evento estivo organizado a profesora María Zerari, da Universidade da Sorbona; Anne Duprat, da Universidade de Picardie Jules Verne, Institut Universitaire de France; David Álvarez, da Universidade da Sorbona e o presidente de honra da Asociación de Cervantistas e catedrático da Universidade de Vigo José Montero Reguera. De feito, estaba prevista a súa intervención no acto de apertura, que moderase varias mesas redondas e que impartise un dos relatorios, en concreto sobre o cancionero de Lauso (1585) e posible 'eu' poético cervantino. Finalmente, como explica o profesor de Literatura Española e decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, “unha folga de controladores aéreos en París fixo imposible a miña viaxe á cidade do Sena e participar no coloquio que, entre outras cousas, é consecuencia do convenio internacional de colaboración entre Sorbonne e UVigo que eu suscribín”.

E é que como explica o docente, este seminario “é o segundo dun conxunto de coloquios que comezaron o ano pasado no mes de xuño cun simposio internacional sobre “o desengano” na literatura do Século de Ouro, e que seguirán no futuro.

Dous días para debater sobre a afirmación do ‘eu’

Ao longo destes días, as e os expertos, procedentes de universidades francesas como o propia Sorbonne Université, a Université de Picardie Jules Verne, a Sorbonne Nouvelle, a Université de Lille, a Université Jean Moulin - Lyon 3, a Le Mans Université ou Université Bordeaux Montaigne, xunto con especialistas de universidades españolas como a de Vigo, a Complutense de Madrid, Jaén, Girona, Salamanca e Huelva e outros procedentes da Università Ca’ Foscari de Venecia, da Universidad de Buenos Aires, da Università degli Studi del Piemonte Orientale ou do Dartmouth College debateron sobre a formación do eu na obra de Cervantes coincidindo coa celebración do 408 aniversario da morte do escritor. 

Entre outros aspectos relacionados coa formación do eu, as e os expertos abordaron por exemplo, os sendeiros que se bifurcan entre a vida, a literatura e o mito de Cervantes, a autobiografía no teatro de Cervantes, os avatares animalísticos do eu no Viaje de Parnaso, as refraccións do eu narrador no Quijote ou a autobiografía e a comicidade no prólogo das Novelas Ejemplares, por exemplo. 

A pesar de non ter podido participar de xeito presencial, o profesor Montero subliña que as informacións que recibiu “coinciden no éxito do simposio, que abriu novos camiños na investigación cervantina e no desexo de continuar en edicións vindeiras”.