WES ANDERSON | Pantallas de Road Dahl

Pantallas de Roald Dahl

Catro relatos filmados por Wes Anderson

Imaxe de "A marabillosa historia de Henry Sugar" (2024).

Imaxe de "A marabillosa historia de Henry Sugar" (2024). / Arquivo

Lois Alcayde Dans

A linguaxe que empregamos os autores en trasladarlles a vostedes, o público, ideas, historias ou observacións é unha linguaxe ben distinta ao mundo do cinema. O cinema traballa con imaxes e ausencia de imaxes que, debido á súa evidencia ou ausencia, poden xogar de xeito moito máis sinxelo co pensamento non abstracto do espectador. No caso literario ou ensaístico é unha cousa ben distinta. É por iso que a nova adaptación que fixo o cineasta Wes Anderson de catro relatos de Roald Dahl dispoñibles en Netflix, “A marabillosa historia de Henry Sugar”, “O cisne”, “O cazador de ratos” e “Veleno”, resulta tan atractiva. Porque Anderson traballa cunha materia que, malia que non é a literaria, si que evoca imaxes oníricas, planos amplos onde os elementos se moven e as personaxes desenvolven a súa acción e, neste caso, unha narración practicamente literaria que é capaz de acompasar a axilidade cinematográfica coa pausa e ritmo propios de cada relato.

Nas historias do xenial Dahl atopamos a veraz realidade da natureza humana. As artimañas de Henry Sugar para ler a través das cartas de póker é unha escusa para que tanto Dahl como logo Anderson traballen con varios planos narrativos, distintas luces (que o director soubo aproveitar á perfección) que nos levan a narracións acumuladas no tempo que se explian a unha a outra, como a sucesión de vagóns que atravesamos nun tren ata chegar á matriz locomotora. Anderson emprega nestas historias o recurso da “cinta atopada”, cousa ben traballada noutro xénero ben distinto, o do terror, como por exemplo nas sucesivas cintas da saga das Bruxas de Blair ou na novidade que foi no seu día Paranormal Activity, neste caso, no eido do relato satírico, case fantástico, a escusa é unha serie de cintas atopadas nos arquivos da BBC gravadas nos anos 70 e 80. Todos os relatos teñen esa aparencia de “cousa a medias” nas que vemos a montaxe detrás do veludo dun xeito evidente. Esa inferencia humorística, esa honestidade, sérvelle a Anderson de pretexto para outorgarlle aínda máis veracidade (pactada na ficción, claro) das historias do autor de Matilda ou Charlie e a fábrica de chocolate, sempre no gume da realidade e da ilusión, do mundo da maxia cotiá.

Ese xeito de traballar, ese proceder, demostra a mestría de Anderson en empregar o instrumento, o xeito, como parte esencial para contar a historia. En “O Cisne”, o propio xeito de contar determina a frialdade coa que o narrador nos narra o caso de acoso de dous rapaces a el mesmo, o narrador, cando era neno, cun desdobramento entre narrador e protagonista. En “O cazador de ratos”, é Ralph Fiennes quen, con brillantez interpretativa, fai dun curioso profesional con semellanzas roedoras. Este protagonismo da interpretación tamén é evidente en Benedict Cumberbatch facendo dun Henry Sugar simpático e burlón.

As adaptacións de Dahl non só foron cousa de Anderson, que tamén adaptou a Dahl no magnífico "O fantástico Mr. Fox", para crianzas de todas as idades. Danny De Vito sorprendeu nos anos 90 coa adaptación da novela Matilda, o filme é capaz de captar a esencia da novela, que nos reflicte a autoridade e a crueldade humana nun sistema de opresiva escola e familia, nos que Matilda medra e contra os que comeza unha silente rebelión interna alumeada pola súa intelixencia e, logo, por unha serie de sucesos sobrenaturais. De Vito realiza un filme capaz, incluso, de evocar as ilustracións do grande Quentin Blake, indisociable para o público das obras de Dahl. As cores, a roupa, a fotografía amarelada, todo nos relembra ese bo facer ilustrador-autor que tan boas consecuencias tivo para as crianzas, aínda nenos ou xa adultos, como quen lles escribe.

Se se decatan do proceso, todos os directores que foron adaptando a Dahl teñen como característica unitaria o feito de traballaren coa imaxe paródica, co estilo particular, coa visibilidade das cores e das situacións do grotesco para realizar a sátira e impulsar o relato a través das cintas. É tamén a posición de Tim Burton na súa sorprendente e ben executada adaptación da novela de Dahl, Charlie e a fábrica de chocolate. Nela o grotesco polariza o relato e queda gravado nas mentes dos máis pequenos, como é o caso de Augustus Gloop e a súa adicción á comida ou a adición ás pantallas de Mike Theavee, ambas reflectidas dese xeito grotesco, case slapstick dahliniano.

Letras e fotogramas

Non todo son camiños de rosas no mundo audiovisual cando se trata de adaptar as letras aos fotogramas. Un dos casos máis soados é a da relación entre o director Stanley Kubrick e mais o autor da novela O resplandor, Stephen King. King tivo unha aproximación posiblemente patrimonial en exceso sobre a súa propia creación. Estabamos a finais dos anos 1970 e o xenial director tomou certas licenzas, sobre todo ao final, na adaptación da histórica novela que supuxo un impulso á carreira de King e colocou o filme de Kubrick nos anais da historia de cine. Porén, King nunca aceptou o filme e, de feito, foi unha das persoas que viu con bos ollos unha máis que cuestionable adaptación para televisión á que non lle fai ben a súa comparación coa cinta orixinal de Kubrick, quizais máis licenciosa respecto do seu libro orixinal, máis moito mellor executada que o filme tan “ben adaptado” respecto da novela de King.

Suscríbete para seguir leyendo