A Real Academia Galega (RAG) celebrará o vindeiro 11 de decembro a sesión extraordinaria pública de ingreso como membro de número da institución de Ana Boullón Agrelo. O acto terá lugar a partir das 12.30 horas no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal (Rúa Rafael Calleja, 51), localidade natal da filóloga. A ata o momento académica electa lerá o discurso titulado Todos os nomes: identidade, pobo, país, ao que lle dará resposta o académico Ramón Lorenzo Vázquez. Ocupará a cadeira vacante tras o pasamento de Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936-Vigo 2020) en marzo do ano pasado.

Ana Boullón Agrelo é profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago (USC), adscrita ao Instituto da Lingua Galega, e unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía. En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración coa Academia se remonta aos anos 90 do século pasado. É tamén membro de varias asociacións científicas e presidiu a Asociación Galega de Onomástica, na que segue a formar parte do equipo directivo.

A académica electa ten publicado textos medievais non literarios e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e tamén é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado. Formou parte, entre outros, dos equipos que promoveron ferramentas informáticas en liña para o estudo do léxico medieval (Dicionario de dicionarios do galego medieval) e planificou xunto a Xulio Sousa a Cartografía dos apelidos de Galicia, esta última por encarga da Real Academia Galega.

Na actualidade, tamén por encarga da Real Academia Galega, está a coordinar a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, que se atopa en fase de revisión; e a posta en marcha da Guía dos nomes galegos, que estará dispoñible na páxina web da Real Academia Galega e coa que público poderá facer pescudas sobre os nomes propios. Con anterioridade, dirixiu o equipo que elaborou Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización (RAG, 2016) e foi coordinadora de distintas edicións da Xornada de Onomástica Galega, que a Academia celebra anualmente dende 2016.

Ana Boullón presentou os seus traballos en máis de corenta encontros estatais e internacionais, dende a USC e outras universidades españolas ata as de Bahia, Leipzig ou Torino; realizou estadías nas universidades e Oxford, Trier e Queen Mary (Londres) e colabora como consultora en proxectos de investigación do Brasil e dos Estados Unidos, ademais de participar en diversos proxectos estatais e internacionais. As súas achegas abranguen ademais outras publicacións orientadas á divulgación, faceta que cultiva tamén con colaboracións periódicas no Portal das Palabras ou no espazo audiovisual O Seminario de Onomástica responde.