Tres novos de Tomiño competirán no campionato mundial de patinaxe que se celebrará na localidade alemá de Gotinga entre o 8 e o 13 de agosto. Forman parte do grupo de 17 patinadores do Club Ribex de Tui que participará, facendo historia, na celebración das primeiras finais da historia da Copa do Mundo de patinaxe artística. Trátase de Laura Silva (Carregal) e de María Souto e Nerea Bouzo (Tomiño centro). As tres teñen 16 anos e son alumnas do IES Antón Alonso Ríos. O esforzo, o talento e a inmensa ilusión destas novas e do resto do equipo fixeron posible que esta viaxe fose viable. Laura Silva e María Souto comezaron a patinar no colexio de Sobrada de Tomiño e Nerea Bouza chegou desde outro club. As tres levan adestrando desde moi pequenas, aproximadamente desde os catro ou cinco anos. Estes días os adestramentos están a ser moi intensos, adestrándose unha media de tres horas diarias para levar a coreografía o máis perfeccionada posible.

As tres teñen 16 anos e son alumnas do IES Antón Alonso Ríos

Cando a federación comunicoulles a boa noticia, o club rapidamente pensou nunha estratexia que lle permitise reunir os fondos para asistir ao campionato. “A viaxe custéase vendendo todas as semanas rosquillas, pondo postos de comida nas festas locais, sorteando ceas que lles doaron locais de hostalería”, comenta Carolina Figueroa, socia fundadora do colectivo, consciente do enorme esforzo que están a facer para poder estar en Alemaña dentro duns días. A ilusión é inmensa, e un certo nerviosismo comeza a notarse a medida que se achegan as datas.