Da auga mollada

Opinión

Da auga mollada

Leo a Paul Preston: a corrupción das elites da Restauración convivía cun pobo sumido no subdesenvolvemento. Tras o quendismo, unha sucesión de gobernos frustrados e varios magnicidios. En Catalunya, a burguesía pedía esmola ao exército derrotado no Rif para reprimir anarquistas. Nas minas asturianas, un dirixente sindical aseguraba que os militares trataban aos traballadores coma mouros. "Somos mouros na néboa", di Sarrionandia nun libro recente.

Xa daquela, as cloacas prostituían a semántica coa sutileza de Isabel Ayuso. Aúpase o Sindicato Libre, unha organización amarela que actuaba en coalición con bandas lumpen a soldo do ministerio para liquidar sindicalistas. Un mashup de Galicia Bilingüe e os GAL. Segundo Preston, nese sindicato e nas xuntas de militares está o xerme do fascismo español.

O desastre de Annual volve traer laios e plans rexeneradores. Un deles, o de procurar a Prusia de España. Unha nación débil, cun Estado vello, óllase noutra que se modernizou a través da acción do autoritario Bismark e dun Estado tan recente como eficaz. Xacobe Bastida ve nese clima o 'ramalazo'  hegeliano (o Hegel da caricatura prusiana hoxe desacreditada) que detecta en Ortega y Gasset. Modernizar desde arriba. Carta outorgada. O pobo como espectador. Castela é Prusia. Se cadra por iso, para Otero Pedrayo, máis que hegeliana, Castela era kantiana: formalista. De la ley a la ley, diría Fernández Miranda. Otero, abofé, prefería o spinozismo-celta. 

Pouco antes de que o Borbón, avó do noso bribón, tivese que saír por pernas, Cambó soñaba -coma fai Enric Juliana con Valencia e o corredor Mediterráneo- con que Catalunya fose a Prusia que habería modernizar España. Alcalá Zamora fíxolle ver que ser moi catalán non é compatible con ser moi español: "ou é o Bolívar de Catalunya ou é o Bismark de España". Non sería nin o un nin o outro. Pero tras Cuba, o rexionalismo inspirarase nas Indias virando en nacionalismo. Tamén en Galiza.

José María Aznar reapareceu estes días para dicir que sen lealdade nacional non pode haber democracia. Tradución do aznarés: se se cuestiona a idea de España da dereita española (a que existe, a esquerda española non ten outra) a baralla da democracia rómpese. Nostalxias da ditadura de Primo apoiada polo PSOE? Tecnocracia de Gran coalición con "valores OTAN" (Meritxell Batet dixit)?

Aznar anunciou que España vive unha crise constitucional. Pero iso é como dicir que a auga é mollada e o lume quente: España é unha crise constitucional andante.

Comentarios