Sempre prexuízos

Opinión

Sempre prexuízos

Esta fin de semana, estiven falando cunha ex alumna, rapaza de nome galego que sempre me falara nesta lingua. Mais, ese sábado, faloume español. Así que lle pedín que me falase galego e pregunteille por que non o facía. Escusouse dicindo que habitualmente falaba español. Chegou a irmá, continuamos coa conversa, e a máis vella dixo entón que si, que ás veces mesmo falaba galego na casa, e ela dicíalle que se lle facía rara falando na nosa lingua. Mira ti onde estaba a nai do año. Non lles dixen que estaban a dar vida aos vellos prexuízos, mais si que non tiña sentido ningún que elas, que tocaban nun grupo de música tradicional que loita polo mantemento do noso patrimonio, deixasen de lado a lingua que fai nacer iso que defenden. Un.

A verdade é que xa non me sorprendo cada vez que confirmo a pervivencia dos tan nocivos prexuízos lingüísticos. Ser docente de lingua vacíname sen eu querelo, pois cada inicio de curso comprobo como o meu alumnado considera normal que se caracterice a uns ladróns en Vigo polo seu acento galego. Mesmo o xustifican dicindo que, efectivamente, na Coruña ou en Lugo e Ourense teñen moito acento, non coma "nós", que case non temos, din eles asumindo que tamén son vigueses, malia vivir noutro concello. Evidentemente, non teñen presentes os trazos fonéticos dos seus avós, que, ademais, con certeza lles falan español (adeus á transmisión interxeracional). Dous.

Daniños prexuízos que sobreviven e se adaptan, acabando por se instalaren entre galegofalantes concienciados que, dándolle a volta ás luvas de vello, denigran os resistentes galegofalantes da comarca de Vigo polos seus trazos fonéticos (ou pola ausencia deles), e magnifican as excelencias do galego de Lugo e Ourense, sen ter en conta as migracións de poboación que se produciron en Galiza desde hai un século e que, se o pensamos ben, explican perfectamente o que é o autoodio, ou como moitos deixaron a lingua na aldea do interior para nutrir a desgaleguización da gran cidade. Tres.

Comentarios