Estado e Xunta esquivan novas restricións pola COVID para o Nadal tras amagar con endurecer o uso da máscara - Praza Pública

Estado e Xunta esquivan novas restricións pola COVID para o Nadal tras amagar con endurecer o uso da máscara

Persoas con máscara nunha rúa da Coruña en maio de 2021 © Concello da Coruña

"Mantense a obrigatoriedade da máscara en exteriores", afirmou Pedro Sánchez despois da conferencia de presidentes, coas excepcións que xa estaban en vigor a respecto da distancia de 1,5 metros de seguridade. Pola súa banda, o presidente da Xunta lanzou ao remate da reunión as súas recomendacións para os días 24 e 25 

O Goberno de España filtrou durante a conferencia de presidencias autonómicas deste 22 de decembro a imposición do uso obrigatorio da máscara en exteriores baixo calquera circunstancia. Isto, a falta de que se reúna o consello de ministros e apareza no BOE, foi desmentido polo propio Pedro Sánchez na súa comparecencia ao remate da reunión coas comunidades. 

"Mantense a obrigatoriedade da máscara en interiores e tamén en exteriores, onde imos incorporar unhas salvedades como por exemplo cando un estea facendo deporte, cando estea en espazos naturais (xa sexa o monte ou a praia), cando esteamos sós ou coa nosa unidade familiar, ou cando esteamos con alguén que non é da nosa unidade familiar pero cunha distancia de 1,5 metros", afirmou Sánchez. Xa na xornada do xoves, o propio Goberno de España matizou que recupera con carácter "temporal" a obriga xeral, pero incorporando a excepción dos "espazos naturais" cando haxa distancia de seguridade.

O uso xeral de máscara ao aire libre con independencia da distancia de seguridade deixou de ser obrigatorio o pasado xuño, de xeito paralelo ao avance da vacinación. No caso de Galicia, esta medida estivera en vigor durante practicamente un ano, xa que a Xunta fora un dos primeiros gobernos autonómicos en introducila en xullo de 2020, xusto despois das eleccións ao Parlamento. Nos últimos días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fora un dos dirixentes que reclamara reimplantala.

Pedro Sánchez na conferencia telemática de presidencias autonómicas desde o Senado CC-BY-SA Pool Moncloa/Borja Puig

Segundo informou a Xunta, durante a conferencia Feijóo evidenciou o seu apoio á reintrodución do uso da máscara en exteriores, aínda que "deixando as zonas non urbanas excepcionadas desta decisión". Esta precisión non foi mencionada por Pedro Sánchez, pero coas declaracións de ambos este mércores cabe sobreentender que existirán esas diferencias, aínda que haxa que agardar ao texto do decreto lei que aprobe o consello de ministros deste xoves, 23 de decembro. As medidas dese decreto entrarán en vigor o día 24, o propio día de noiteboa.

Tamén, sinala o Goberno galego, reclamou a Sánchez medidas para contar con "máis persoal" sanitario, "axilizar a vacinación" ou estender o certificado COVID. Reiterou tamén reclamacións que o PP vén sinalando dende o comezo da crise da COVID-19, como a aprobación do que denomina unha "lei de pandemias". O Goberno estatal confirmou que se permitirá a contratación de persoal sanitario xa xubilado, como xa sucedeu no comezo da pandemia, e que o Ministerio de Sanidade permitirá incorporar a profesionais sanitarios con títulos de fóra da Unión Europea ao Sistema Nacional de Saúde. 

"Non imos plantexar ningunha prohibición para os día 24 e 25, nin restricións de aforo nin prohibicións", avanzou Feijóo

Feijóo aproveitou as valoracións posteriores á conferencia de presidentes para trasladar as recomendacións do Goberno galego á cidadanía para as celebracións de Nadal. "Non imos plantexar ningunha prohibición para os día 24 e 25, nin restricións de aforo nin prohibicións", aseverou, para recomendar que "cantas menos persoas se reúnan a xantar, mellor". "Se pode ser unha unidade familiar ou dúas, mellor. A partir de aí o risco aumenta exponencialmente. Se podemos cear só coa nosa unidade familiar o risco será practicamente inexistente", engadiu.

Con todo, Feijóo advertiu de que "a principios da próxima semana" haberá unha reunión do comité clínico que asesora á Xunta para adoptar, previsiblemente o 27 de decembro, outras medidas e recomendacións en función da situación epidemiolóxica cara ao resto das celebracións destas datas. De momento, incidiu Feijóo, a incidencia da COVID-19 en Galicia permite que non se tomen medidas adicionais nos sectores da restauración nin hoteleros para os días 24 e 25. 

O plan do Goberno estatal é que "o 70% dos nenos de entre 5 e 11 anos estea vacinado coa primeira dose o 7 de febreiro" 

O presidente do Goberno de España salientou que van ″intensificar e acelerar a campaña de vacinación poñendo o énfase na terceira dose de reforzo″, pois manifestou que está comprobadao que ″reduce o risco de hospitalización″. Desta maneira, marcou unha serie de obxectivos "ambiciosos" que o presidente da Xunta sinalou que Galicia xa ía cumprir. Entre eses obxectivos figura que o 80% da poboación entre 60 e 69 anos chegue á terceira dose da vacina contra a COVID antes de que finalice o ano, un fito que Galicia acadou o pasado día 13, segundo Feijóo. 

No Estado tamén pretenden que esa mesma porcentaxe da poboación entre 50 e 59 anos estea vacinada coa terceira dose antes do 24 de xaneiro, algo que Feijóo asegura que Galicia conseguirá "esta mesma semana". Para as persoas entre 40 e 49 anos esta terceira dose debera estar na primera semana de marzo, que aquí –segundo vaticinou Feijóo– será xa na metade de febreiro. Por outra banda, o plan do Goberno de Sánchez é que "o 70% dos nenos de entre 5 e 11 anos estea vacinado coa primeira dose o 7 de febreiro" e coa segunda dose "na segunda semana de abril".

Uns 1.200 diagnósticos diarios e hospitalización contidas

Os acordos do conferencia de presidencias autonómicas en vésperas do Nadal chegan nun contexto que, no caso galego, vén marcado no epidemiolóxico por uns 1.200 diagnósticos diarios da COVID, no dato medio dos últimos sete días, pero tamén por unhas cifras de hospitalización contidas e mesmo con lixeiras baixadas. Esa cifra de diagnósticos dá lugar a unha incidencia acumulada a 14 días próxima aos 600 casos novos por cada cen mil habitantes e un indicador a 7 días na contorna dos 330.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o indicador coñecido como razón de taxas -que serve para comparar a incidencia acumulada dun día concreto coa mesma xornada da semana anterior- amosa que o ritmo de incremento da incidencia xa non tende a frear con tanta claridade como en semanas previas. Este mesmo mércores a directora xeral de Saúde Pública da Consellería, Carmen Durán, atribuía este estancamento no acougo da suba da incidencia aos contactos interpersoais e desprazamentos nos días arredor da ponte da Constitución.

Ao contrario do que acontecera nas vagas previas á vacinación, estas fortes subas da incidencia seguen sen traducirse, cando menos polo momento, nun incremento pronunciado nas cifras de pacientes hospitalizados con test positivo do coronavirus, o cal xa sucedeu durante todo o pasado outono. Ás seis da tarde do martes eran 274 persoas as hospitalizadas coa COVID, apenas tres máis que unha semana antes, e 46 delas estaban en unidades de coidados intensivos.

No que atinxe ás cifras de mortalidade de persoas coa COVID, Galicia sofre un incremento nos últimos días, ata roldar unha media de 4 por xornada, na media diaria da última semana. Seguen sendo, así e todo, cifras afastadas da vaga outonal de 2020, cando este indicador medio chegara a superar as 12 mortes diarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.