DÍA DAS LETRAS | O Concello de Santiago desvívese para destacar o vínculo de Luísa Villalta coa cidade

O Concello de Santiago desvívese para destacar o vínculo de Luísa Villalta coa cidade

O acto institucional será na véspera do Día das Letras na praza do Obradoiro

Haberá obradoiros de creación literaria nos Centros Socioculturais

Luísa Villalta: a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024

Javier Rosende Novo

Luísa Villalta tiña unha importante vinculación con Santiago”, aseguraba este luns en rolda de prensa a alcaldesa Goretti Sanmartín á hora de presentar as actividades que entre o 16 e o 18 de maio se levarán a cabo na cidade para celebrar o Día das Letras e honrar a homenaxeada deste ano, a poeta, narradora, música e docente Luísa Villalta. 

A rexedora destacou non só que a autora cursara en Compostela os seus estudos universitarios, “integrou a orquestra da cidade e Xove Orquestra de Galicia”, lembrou, ademais de dedicarlle os versos “Andei por Santiago pisando estrelas”, que dá título a unha das actividades que se van desenvolver estes días. 

Trátase dunha serie de estrelas con estes versos e a pregunta “e ti?”, repartidas por diferentes rúas da cidade dende o pasado día 10 e que serven de desculpa para o concurso que o Concello abriu onte nas súas redes sociais e a través do que convida á veciñanza a enviar fotografías daqueles lugares de Santiago significativos para cada persoa coa explicación pertinente e empregando os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas. Entre os participantes sortearanse 10 lotes de material cultural.

Outra das actividades que terá lugar polas rúas e diversos espazos de Compostela serán os paseos guiados, arredor da cidade e tamén das orixes da lingua. Un roteiro con 12 paradas “que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia ou á diversidade do desenvolvemento do idioma”. As persoas interesadas poden anotarse na web delingua.santiagodecompostela.gal.

E non quedarán fora dos festexos os Centros Socioculturais, neles levarase a cabo o obradoiro de creación literaria ‘Escribirmos na compaña de Luísa Villalta’, impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez e Miro Villar. Unha iniciativa da asociación de escritores AELG, apoiada pola Deputación da Coruña, que se desenvolverá os sábados 25 de maio e 1, 8, 15 e 22 de xuño, de 10.30 a 13.00 horas.

Recitais e eventos escénicos

O acto institucional da Corporación local terá lugar o 16 de maio, ás 11 no Obradoiro, onde se dará lectura dun manifesto e que contará coa participación das escritoras Marga Romero e Esperanza Mariño que farán lectura dunha escolma da obra poética de Luísa Villalta.

E no Teatro Principal representarase a obra de Sarabela Made in Galiza, inspirada no texto de Séchu Sende. Será o 16 e 17 de maio ás 20.30 e na primeira función haberá tamén debate final. No mesmo escenario, terá lugar o sábado 18 -20.30 horas- o recital “multidisciplinar” Ritos de resistencia, da formación Ouriol. Con entrada por convite -de balde e que se pode retirar na Zona C ou no propio teatro-, os versos de Luísa Villalta será recitados pola tamén poeta Eva Veiga, con acompañamento musical de Fito Ares e Bernardo Martínez e as proxección da imaxes creadas polo artista Alfonso Costa.