Imaxinas un túnel submarino que unira a cidade de Vigo e Cangas? E unha ponte que saira de A Coruña e chegara a Ferrol cruzando tres rías? Imaxinas un teleférico que atravesara Santiago de Compostela e enlazara a Cidade da Cultura co monte do Pedroso? A estas e a outras preguntas vai dar resposta Nin o imaxinas, o novo programa de Televisión de Galicia que fará da realidade virtual unha das súas grandes apostas e grazas á cal vai mostrar todo o que sempre imaxinamos pero que nunca puidemos ver. Nin o imaxinas vai facer posible o imposible.
O novo programa Nin o imaxinas, realizado por Producciones Celta para Televisión de Galicia, estará presentado por Alba Mancebo, xornalista amplamente coñecida entre o público galego. A cita con este novo espazo será todos os domingos ás 22.00 horas.
A nova aposta de Televisión de Galicia empregará os últimos avances tecnolóxicos para descubrirlles a todos os galegos e galegas como quedarán grandes proxectos e infraestruturas postos en marcha no noso país. E tamén poderemos coñecer outros moitos proxectos que se idearon nun momento dado e que, por diversas circunstancias, nunca se levaron a cabo.
O novo espazo de TVG tamén aplicará a realidade virtual á meteoroloxía para así ofrecer unha visión completamente distinta da coñecida ata este momento. Calquera situación meteorolóxica que nos imaxinemos: unha borrasca, unha vaga de calor, un temporal de neve, unha cicloxénese explosiva ou un ciclón tropical ímola poder ver como sempre quixemos e nos imaxinamos, dende dentro do propio fenómeno meteorolóxico. Coa realidade virtual o programa Nin o imaxinas ofrecerá a previsión do tempo dun xeito novo, máis gráfico e moito máis visual grazas ás múltiples posibilidades que ofrece esta última tecnoloxía aplicada á televisión.
O espazo Nin o imaxinas estará presente tamén nas redes sociais para ter un contacto directo co espectador. Xa se poden seguir as contas de Nin o imaxinas en Facebook, Instagram, X e TikTok. O público poderá, deste xeito, interactuar co programa realizando comentarios, aportando suxestións e mesmo posibles contidos. Os espectadores tamén poderán compartir fotografías ou vídeos que lles resultaran interesantes ou curiosos, e que estean relacionados coa meteoroloxía e a natureza.
Nin o imaxinas tamén se fará eco dos extraordinarios sucesos que marcaron á poboación de Galicia como, por exemplo, o terremoto que no ano 1997 azoutou ás localidades luguesas de Triacastela, Sarria e Becerreá. O programa, ademais de lembrar como foron eses momentos, preguntarase que pasaría se o terremoto fora na propia cidade de Lugo. Aguantarán a catedral e a muralla de Lugo un sismo? A resposta: Nin o imaxinas.
O servizo público está moi presente na filosofía do novo espazo. O programa ofrecerá indicacións, consellos ou avisos sobre o xeito de actuar ante diversos fenómenos naturais que se podan producir nun determinado momento, tales como inundacións ou treboadas.
Para que esta información sexa o máis completa posible, o equipo do programa Nin o imaxinas elaborará unha serie de reportaxes nas que falará con expertos na materia, que van dende profesores de Universidade ata persoal de alertas e emerxencias. Neste sentido, Nin o imaxinas terá tamén entre os seus colaboradores a toda unha serie de divulgadores de primeira liña na súa materia.
En definitiva, o novo programa de Televisión de Galicia vai poñer a realidade virtual ao servizo do espectador para achegarlle contidos que, de non ser por estes avances tecnolóxicos, non se poderían mostrar. Grazas a esta tecnoloxía farémonos unha idea moito máis aproximada de, por exemplo, cales serán os efectos da subida do nivel do mar a causa do cambio climático. Desaparecerán baixo o mar Vigo, A Coruña e Vilagarcía de Arousa tal e como di o recente estudo da NASA? Nin o imaxinas! Como é que se orixinan as augas que fan de Ourense unha das capitais mundiais do termalismo? Nin o imaxinas! Como é o maior cráter do mundo e que está diante das costas galegas? Nin o imaxinas!
A partir de agora, imos ter respostas a todas esas interrogantes todos os domingos á noite na Televisión de Galicia co novo programa Nin o imaxinas.