Luísa - La Opinión de A Coruña

Opinión

Henrique Rabuñal

Luísa

Hai moitos artistas agochados nos faiados que a sociedade constrúe. Hai unha actualidade, frenética e caduca, que nos impide pór en valor o pasado e visitalo.

Luísa Villalta habitaba un daqueles faiados. No seu tempo exercera a función propia do intelectual: tomar partido, iluminar a confusión, debullar os asuntos estratéxicos. Nos 20 anos que pasaron desde o seu doloroso pasamento moitas entidades cívicas e algunhas institucións fixeron abondosos esforzos para que a luz da súa obra e do seu exemplo non se apagasen.

Este ano 2024 é o ano de Luísa. A súa biografía e obra escrita coñecen agora unha revisión, unha actualización e un espallamento que permiten situala e comprendela mellor.

Pero Luísa, felizmente, é para nós máis que unha artista excepcional. Foi tamén unha muller comprometida, que se ofreceu xenerosamente á sociedade e que viviu sen límites a entrega ao seu país e a súa cultura.

Non é frecuente acharmos figuras coma ela que harmonicen tan ben a viaxe interior e a viaxe exterior. O cultivo das formas máis esixentes e requintadas do pensamento, a escrita, a arte e a opinión. Pero tamén a presenza na rúa, nos movementos cívicos, nas asociacións de base.

Luísa Villalta deixounos unha mensaxe moi poderosa. O rigor, o traballo, a creatividade sen límites, a exploración do descoñecido, o risco, a coraxe... Ler os seus libros e escritos segue sendo a mellor maneira de sacala do faiado, de poñela na sala de estar de todas as galegas e galegos, de lle render homenaxe.