Arte | As "películas" de medo medievais

As “películas” de medo medievais

O libro “Bestiario en pedra” de Carlos Bernárdez e Xosé Mariño investiga nos símbolos terroríficos de igrexas e catedrais

Preséntano hoxe martes na Escola de Artes e Oficios

Harpía, corpo de ave de presa e cabeza de muller, na igrexa de Santiago de Breixa en Silleda.

Harpía, corpo de ave de presa e cabeza de muller, na igrexa de Santiago de Breixa en Silleda. / LAIOVENTO

Mar Mato

Mar Mato

Varios séculos antes de empezar a celebrarse o festival internacional de Sitges, especializado nas películas de cinema fantástico, as nosas devanceiras e devanceiros medievais vían correr ante os seus ollos historias terroríficas con animais irreais que lles metían medo contándolles escenas a través de esculturas de pedra nas igrexas e catedrais.

Ante os seus ollos aparecían dragóns, híbridos de serpes e galos (basilisco), centauros, grifóns (metade león, metade aguia), harpías (con cabeza de muller e corpo de ave de presa) ou sereas aves con serpes na boca, entre outros.

A cada animal, se lle daba unha interpretación simbólica –un significado– que axudaba a dar unha lección moral para saber como ir polo rego e corrixir os vicios.

Cunha poboación na súa práctica totalidade analfabeta e sen posibilidade de ler a Biblia –lembremos que había moi poucos libros no Medievo e ademais o seu acceso estaba restrinxido aos eclesiásticos ou nobres moi ben situados–, as esculturas supoñían un “complemento da Biblia”, recolle o libro “Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega”, publicado por Edicións Laiovento e asinado por Carlos L. Bernárdez máis Xosé Ramón Mariño Ferro. O volume preséntano hoxe martes na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) a partir das 19.30 horas; acompáñaos o fotógrafo Anxo Cabada nun acto organizado polo Ateneo Atlántico.

O libro, unha reedición ampliada, lembra unha frase de Victor Hugo: “Na Idade Media, o xenio humano non pensou nada importante que non o escribira na pedra”.

As imaxes dos animais bestas e os seus símbolos viñan estipulados por libros na época medieval e a obra afonda no código que era compartido ao longo da cristiandade.

Pero agora no século XXI, sabemos realmente o que no seu día querían transmitir as figuras das fachadas dos templos relixiosos ou do seu interior? É probable que non. De aí que Bernárdez e Mariño afonden no libro sobre a simboloxía.

Bernárdez explica que para descodificar correctamente hai que ter coidado. “Unha escultura dun can xunto a unha tumba representa a fidelidade. Pero cando aparecen uns cans a loitar por un óso, se asocia o comportamento con ser avaros. As persoas vían aí unha actitude asocial e pecaminosa. Os animais individuais e os híbridos, dependendo do contexto, poden asociarse a unha cualidade positiva ou negativa inda que no caso dos híbridos moitos deles están asociados ao diaño”.

Centauro en San Paio de Diomondo en O Sabiñao.

Centauro en San Paio de Diomondo en O Sabiñao. / Laiovento

“É o caso do dragón. Para crear a súa figura asóciano aos animais máis terribles de cada medio: a aguia polo aire; o crocodilo pola auga e un depredador felino con gadoupas máis a cola de serpe asociados á terra. Ese híbrido é o compendio de todos os terrores” polo seu carácter maléfico, explica Bernárdez.

“Bestiario en pedra” recolle que o dragón abunda moito nas igrexas galegas e está moi presente na Catedral de Santiago. Nesta, destacan os dous enleados polos pescozos da estatua-columna de Santiago ou o do capitel do Pórtico da Gloria. Tamén se atopan nos capiteis da igrexa do século XIII de San Domingos de Bonaval de Santiago ou na Catedral de Ourense.

Outra besta representada en pedra é o centauro: con corpo de cabalo e peito máis cabeza de home, tamén as pernas dianteiras son humanas. Neste caso, asóciase coa luxuria e a violencia, ao tempo que se fai referencia ao seu gusto polo viño e a desmesura.

Centauros tallados en granito podemos velos no claustro de San Francisco en Ourense, tamén na fachada de Praterías da Catedral de Santiago o no cadeirado do coro do Mestre Mateo no mesmo templo. Unha curiosidade que resalta o libro: a catedral de Ourense é o templo galego con maior número deles.

Fachada de Platerías da Catedral de Santiago.

Fachada de Platerías da Catedral de Santiago. / Xoán Álvarez

Outro ser máxico é a anfisbena, serpe de dúas cabezas que ás veces ten corpo de dragón, con gadoupas e ás incluídas. A presenza das dúas cabezas simbolizaría que na mocidade hai xente que se entrega aos praceres da vida coa promesa de ao chegaren á idade adulta iniciar proxectos maduros. Esta dualidade fixo que moitos autores a colocasen no lado do demoníaco. Sería empregada como exemplo moral das persoas con propósitos contrapostos. As anfisbenas poden verse na igrexa románica de Santiago de Breixa en Silleda, no seu interior.

Alí tamén atopamos grifóns –corpo de león e cabeza de aguia– así como no cadeirado pétreo da catedral de Santiago (onde dous beben dun cáliz na capela do Salvador) e en múltiples igrexas de toda Galicia. Xurdidos en Mesopotamia, os grifóns –cans de Zeus– son gardiáns de tesouros e poden significar avaricia, ser desprendido ou ser un espírito do mal.

Pola súa parte, as sereas –con corpo de peixe ou ave e cabeza de muller– representarían o perigo, a fonte do pracer e a sedución.

Lembra Carlos Bernárdez que a simboloxía dos bestiarios plásmase especialmente na igrexa da Breixa en Silleda, preto de Carboeiro, onde aparece a figura e o nome en latín, “o que implica o uso de cadernos con estes bestiario” nunha época na que destacaba no libro medieval “O fisiólogo”. “O texto orixinal sempre comeza dicindo ‘O fisiólogo, o naturalista, di que tal animal...’. Non se sabe quen fixo o texto pero crese que foi en Alexandría, no contexto primitivo do cristianismo no norte do Exipto. Explicaban alí e na Idade Media a simboloxía de cada imaxe, de cada animal, que se relacionaba cun pecado”, sinala.

Por último, no final do libro, aparecen os debuxos das plantas de varios templos relixiosos galegos indicando en que punto atopar as bestas e animais en esculturas.

Suscríbete para seguir leyendo