Carmiña Burana - Praza Pública

Carmiña Burana

Cartel na manifestación de Queremos Galego no Día das Letras de 2018 CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Como traballadora do sector cultural, non podo evitar sinalar algunhas evidencias que, acho, pasan desapercibidas, en especial neste ano no que as efemérides relacionadas coa lingua ofrecen cifras redondas con moitos múltiplos de cinco. Xa contamos vitorias e derrotas en lustros

O 17 de maio é unha data rara. Esta xornada festiva, tan importante na cultura galega, ofrécenos cada ano unha nova oportunidade para localizar contradicións, berrar contra o desleixo institucional, poñer o foco no abandono, facer propósitos de emenda e, ao mesmo tempo, celebrarmos o privilexio de contar cunha lingua e unha literatura propias. 

Manifestámonos nas rúas, proclamamos manifestos, escribimos columnas de opinión, promovemos actividades nas escolas e lemos a Luísa Villalta. Os medios clásicos fan unha excepción e publican as primeiras en galego, as radios e teles con desconexión autonómica pásanse á lingua de Rosalía por un día para dar os informativos. 

Como traballadora do sector cultural, non podo evitar sinalar algunhas evidencias que, acho, pasan desapercibidas, en especial neste ano no que as efemérides relacionadas coa lingua ofrecen cifras redondas con moitos múltiplos de cinco. Xa contamos vitorias e derrotas en lustros.

A finais dos anos 90 e nos primeiros 2000, calquera que traballase no sector da cultura sabía que as cousas había que facelas en galego

Neste 2024, a asociación galega para a literatura infantil e xuvenil, GÁLIX, chegará aos trinta e cinco anos de existencia. Foi unha iniciativa transcendental e visionaria, liderada por Carlos Casares, que soubo poñer o foco na formación de persoas lectoras desde a infancia. Con iso, non só contribuíu (e aí segue) a familiarizar ás máis pequenas co galego, senón que achegou un piar fundamental para que o sistema editorial puidese consolidarse. 

Tamén facemos vinte anos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado no derradeiro mandato de Fraga Iribarne, que Núñez Feijóo tan ben deixou esmorecer de 2009 en adiante. E alá van quince anos da sonada consulta acerca do emprego do galego nos centros de ensino. Dous tristes puntos de inflexión no derrubo institucional do noso idioma que xa podemos computar en lustros. 

O ex-ministro franquista, camaleón e supervivente a calquera prezo, tivera a clarividencia de comprender que contar cun idioma e un acervo cultural propio era unha oportunidade para medrar como comunidade, tanto no económico como prestixio internacional

A finais dos anos 90 e nos primeiros 2000, calquera que traballase no sector da cultura sabía que as cousas había que facelas en galego. Era inconcibible presentar un proxecto para unha película, serie, produción teatral ou libro en castelán. O mesmo, en canto a dar unha rolda de prensa. As axudas públicas esixían que unha porcentaxe dos equipos técnicos e humanos fosen galegos, premiaban con maior puntuación o traballo sobre textos de aquí. Non era o edén, por suposto. Rodábase en castelán, pero no orzamento non faltaba a partida para a versión galega, de obrigada estrea nos cines do país. 

Eran os tempos en que o Director Xeral de Cultura, señor de dereitas, factótum ideólogo do proxecto do Gaiás, confundía Carmina Burana cunha importante cantante galega mentres que o alcalde socialista da Coruña se negaba a falar a lingua nai, cheo de despeito pola capitalidade compostelá en detrimento da cidade de cristal.

Esta realidade, créanme, existiu. E era “don Manuel” o promotor. Naquela altura, o ex-ministro franquista, camaleón e supervivente a calquera prezo, tivera a clarividencia de comprender que contar cun idioma e un acervo cultural propio era unha oportunidade para medrar como comunidade, tanto no económico como prestixio internacional. Foi quen de virar “galeguista” sen vergoña ningunha. Porque os tempos así o demandaban e, coido, a el que máis lle tiña.

A partir de 2010, isto foi mudando. Paseniño, en silencio, o castelán comezou a coarse. Non foi algo “natural”

A partir de 2010, isto foi mudando. Paseniño, en silencio, o castelán comezou a coarse. Non foi algo “natural”. A pouco que pescudemos nas hemerotecas iremos atopando as pegadas e signos dun plan perfectamente artellado e ben dirixido. As que procedemos desa xeración que medrou baixo a sombra de Fraga e Pérez Varela comprendemos ben o dito castelán de “otro vendrá que bueno te hará”. 

En 2024, logo de quince anos do PPdG de Feijóo, Alfonso Rueda vén de incorporar a palabra “lingua” no enunciado da Consellería de Cultura. É case seguro que a viraxe estratéxica responda á necesidade do Partido Popular de competir e enfrontar o discurso da oposición, non me engano. 

Non sei que daba eu, hoxe mesmo, por un director xeral que nos presentase, enchido de orgullo, á gran cantante Carmiña Burana

Mais, como hoxe é festivo, permítome ser optimista. Quero pensar que a oposición ten unha razón de ser e que incluso pode chegar a conseguir modificar as políticas das formacións que gobernan, aínda que estas o fagan por mera estratexia de supervivencia, como xa comentei que foi, no seu día, o caso do seu fundador. 

Sinceramente, estou por conformarme. Se nuns anos as futuras creadoras e empresarias culturais volvesen funcionar nese universo no que non se concibía facer cultura dentro de Galicia e non facela en galego, unha parte do dano, se cadra, sería revertido. Se non podemos ter xestoras que promovan a lingua e a cultura por convencemento, polo menos que o fagan por estratexia ou presión. Non sei que daba eu, hoxe mesmo, por un director xeral que nos presentase, enchido de orgullo, á gran cantante Carmiña Burana. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.