Galicia en premio - La Opinión de A Coruña

Opinión

Académico numerario da Real Academia Galega

Galicia en premio

Permítome parafrasear o título, Galicia en foco, co que os fotoxornalistas galegos reivindicacron en 1989 o seu traballo, para facer unhas reflexións e poñer o foco sobre os premios literarios galegos.

Hai en Galicia actualmente, según datos da Wikipedia, uns 74 premios literarios que, tendo en conta que algúns deles outorgan accésits, supón que cada ano son premiadas arredor de duascentas persoas, o que significa seis premios fallados cada mes e un premiado por cada 1500 habitantes en idade de optar a ser premiado, cifras que case nos conducen a ser maior o número de escritores premiados que de lectores. E algunhas institucións para colmo, no canto de convocar cursos para lectores, que escasean, promocionan cursos para formar escritores, dos que non estamos precisamente necesitados. Os premios abondan porque son baratos e aínda que non incrementen as vendas son actos de relacións públicas destinados a visibilizar as institucións convocantes.

Esquecemos algo fundamental, que a última finalidade dos premios é aumentar o número de lectores. Neste senso o maior premio sería que unha editorial imprima un texto previamente avaliado positivamente e que sexa lido por un determinado número de lectores. Non faltan propostas irónicas de outorgar premios a certos escritores para que deixen de escribir.

Hai quen pensa que os premios deberían suprimirse porque están amañados e mesmo que non o estean, engadimos pola nosa parte, non teñen credibilidade como indicadores de excelencia creativa. A lista de premiados co Nobel de Literatura semella darlles a razón aos detractores: non se pode defender que o primeiro Nobel (Sully Prudhome, 1901) e o primeiro en lingua española (Echegaray, 1904) sexan mellores que Tolstói, Proust, Kafka ou Borges que non foron premiados. Non esquezamos que son outorgados a partir da vaguidade que deixou escrita Alfred Nobel que pedía o galardón “para quen tivese producido o mellor en sentido ideal”.

Os premios estarán dabondo xustificados sempre que teñan unha mínima capacidade de dinamizar a vida cultural e de mellorar o nivel da conversación mediante a lectura reflexiva e a conseguinte crítica. Non podemos negar o posible estímulo que poden propiciar os premios pero, claro, sempre e cando estean exentos de intromisións e de camarillas que soamente se pode lograr cunhas regras claras lonxe da opacidade actual na que se moven, intelixentemente parodiada por César Cequeliños (A Gran Novela Galega, 2023).

O propósito das camarillas introducidas polas institucións é lograr ascensos na carreira burocrática á que pertencen; con esta filosofía non lles interesa tanto formar lectores como xustificar como bo o que se premia.

O que está en xogo cos premios é a orientación da opinión pública, a confianza de que os certames son serios.

Para que os premios teñan credibilidade e capacidade de marcar tendencias deben coñecerse todas as persoas que interveñen na selección previa que impide que cheguen ao xurado todos os orixinais presentados e deben expoñerse polo miúdo as razóns da concesión aínda que os premios sexan promocionados polas editoriais que sempre procuran controlar os riscos. A intromisión de determinadas editoriais que promoven o premio provoca tamén un empobrecemento da crítica correspondente, encargada ad hoc para revistas propias. A mellor crítica literaria, malia que non se escriba, é a exercida polos editores de libros que se negan a publicar obras que non reúnen unha mínima calidade, e polos antólogos e xurados que conceden premios.

Numerosas xustificacións, asinadas polos xurados pretenden a cuadratura do círculo, entre conceptos como “mellor”, “novo” e “voces narrativas” que provocan vergonza allea. O culto ao “novo” pode levarnos a ler verdadeiros disparates e a singularidade das voces narrativas podería servir para valorar “tenores” pero non ten a máis mínima xustificación no campo literario.

Cando falamos de premios literarios deberiamos establecer unhas regras claras que eviten, na medida do posible, a posibilidade das trampas. Vivimos inmersos nun mundo competitivo no que xogamos todos a vender libros, casas ou a facer carreira académica ou política. Pero a literatura é outra cousa.

(Este artigo, debedor dos traballos de Gabriel Zaid, Irad Nieto, César Lorenzo Gil, Xesús González Gómez e Guillermo Sheridam, iba ser un breve decálogo pero finalmente sucumbiu ao, máis usual, formato periodístico).