A "Afouteza" cumpre 26 anos no Celta: A Roda reversiona o Himno polo Día das Letras Galegas - Faro de Vigo

A "Afouteza" cumpre 26 anos no Celta: A Roda reversiona o Himno polo Día das Letras Galegas

O grupo de folk lanza unha nova versión do himno tradicional este 17 de maio

A tradución ao galego foi estreada no 75º aniversario do club con Milladoiro

Concierto "Noite do Celta" en Balaídos para celebrar el 75º aniversario del club en 1998

Concierto "Noite do Celta" en Balaídos para celebrar el 75º aniversario del club en 1998 / Cameselle

Víctor P. Currás

Víctor P. Currás

Se un celtista tivese que escoller unha palabra para o celebrar o Día das Letras Galegas, case con total seguridade que optaría por Afouteza... pero non sempre foi así. Malia estar xa vencellada ao celtismo, esta relación acaba de cumprir 26 anos con outro fito histórico na historia do Real Club Celta. Se a Oliveira dos Cen Anos de C.Tangana chegou co primeiro século de vida, o 75º aniversario do club permitiu a adaptación ao galego do himno que dende mediados do século pasado resoaba en Balaídos. Hoxe, A Roda e o Celta reversionan aquel tema.

A "Noite do Celta" celebrada o 4 de xullo de 1996 presentaba ao mundo unha aliñación á altura do EuroCelta que nacería meses despois: A Roda, Milladoiro e o mexicano Carlos Santana. Máis de 12.000 siareiros acudiron aquela noite ao Estadio de Balaídos onde estrearon esta nova versión. "Que o teu lema e nobre en xogo: Afouteza e corazón" resoaba por primeira vez cun arranxo orquestral e as voces de Astarot, A Roda e a Coral Rueiro de Coia, incorporando así un tono "folk rock".

Milladoiro, Astarot e A Roda na estrea do Himno do Celta en 1998

Milladoiro, Astarot e A Roda na estrea do Himno do Celta en 1998 / Jesús de Arcos

En plena idade dourada do Xabarín Club, a introdución deste novo tema foi máis ben gradual xa que polos altofalantes do coliseo celeste seguía a reproducirse a versión en castelán. A súa primeira vez nunha celebración foi nun amargo 20 de xuño de 1999. A derrota ante o Atlético de Madrid privou ao equipo de Víctor Fernández de xogar a Champions despois de permanecer 29 xornadas nos seus postos de clasificación.

Con todo, máis de 10.000 persoas foron ata As Travesas animados pola peña Comando Celta e presenciaron como Horacio Gómez, Vlado Gudelj, Karpin ou un Míchel Salgado de despedida antes de ser fichado polo Real Madrid entoaban o cántico nun clima máis de padecer que de ledicia. A histórica actuación foi recollida pola TVG nun informativo onde tamén conectaron coa fonte de Cuatro Caminos en A Coruña, baleira despois da clasificación do Deportivo.

A interpretación de A Roda saldaba unha débeda case histórica. A formación de orixes tabernarias puxera voz ao Himno del Celta reproducido polos altofalantes de Balaídos dende os anos 80 e oficializado o  10 de setembro de 1994 ante o Athletic Club.

Unha lenta recuperación

"Intrepidez, valor, osadía" foron os principais sinónimos de afouteza antes de chegar á súa acepción actual. "Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades" explica a Real Academia Galega antes de engadir outra. "Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme".

Este termo foi recollido dende 1913 nunha quincena de dicionarios por nomes tan ilustres coma Xosé Filgueira Valverde ou Leandro Carré Alvarellos. Pola contra, o seu uso na lingua oral ou escrita foi máis residual e mesno na hemeroteca de FARO DE VIGO apenas é citado unha ducia de veces durante o século pasado.

Lona con el lema "Afouteza e Corazón"

Lona con el lema "Afouteza e Corazón" en Balaídos en 2014 / José Lores

Pero algo mudou no novo século grazas ao fútbol e o Celta en particular. A enorme lona pendurada da grada de Tribuna no 2014 co lema "Afouteza e Corazón" consagrou, agora si, a expresión como lema do club. Peñas de afeccionados e camisolas deron paso a centos de tatuaxes cunha palabra que hoxe goza do mellor estado de saúde da súa historia.

Palabra do ano no 2017

A súa consagración e salto internacional chegaría no 2017. Ante as semifinais da Europa League contra o Manchester United, o club elixiu o lema "This is Afouteza" para pelexar polo seu segundo título continental tras a Intertoto do ano 2000.

As rúas da cidade enchéronse entón de carteis, lonas e outras imaxes promocionais cun lema que sorprendeu tamén aos hooligans ingleses.

Carteis co lema "This is Afouteza" nas rúas de Vigo no 2017 antes da semifinal ante o Manchester United

Carteis co lema "This is Afouteza" nas rúas de Vigo no 2017 antes da semifinal ante o Manchester United / Marta G. Brea

O 27 de decembro, a Real Academia Galega -xa presidida polo celtista Víctor Freixanes- elixía Afouteza como palabra do ano, ao recoller o 48% dos votos dos 6.000 rexistrados nunha enquisa pública.

No 2021 esta palabra sería escollida tamén para darlle nome á nova Cidade Deportiva construida polo equipo na parroquia mosense de Tameiga.

A "xubilación" do himno pola Oliveira

Se as vodas de platino do club serviron para dar o salto ao galego no himno orixinal, esta aposta pola idioma quedou reflexada co centenario. Despois de dous anos de ruxerruxes e debate, C. Tangana presentaría unha Oliveira dos Cen Anos composta íntegramente nesta lingua.

"El Madrileño" recoñeceu na presentación da peza que para el ser celtista era un acto "subversivo". Para a nova composición fixo todo un "Erasmus" na música tradicional galega da man de Keltoi, As Lagharteiras, Xisco Feijóo ou a Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional. Esta obra coral con centos de celtistas "tomando" a ponte de Rande no seu videoclip sustituíu dende o comezo da tempada ao

Para celebrar esta nova etapa dun himno xa atemporal A Roda decidiu "modernizalo" lanzando unha nova gravación na que predominan as guitarras eléctricas. A principal diferenza, máis aló duns versos introducidos polo medio, é a ausencia da voz de Fito Domínguez. "A Voz" do celtismo faleceu no 2012, meses despois de celebrar no céspede de Balaídos o último ascenso do club a Primeira.

O propio RC Celta lanzaba a través das súas redes sociais esta nova versión "dun cántico que é parte da nosa identidade e soará sempre en cada partido en Balaídos". Porque o celtismo pode presumir dun amplo repertorio musical e, a diferenza doutras afeccións, íntegro en galego.