Os nenos: futuro da lingua - Faro de Vigo

Os nenos: futuro da lingua

Concellos e asociacións centran na cativada a programación do Día das Letras Galegas, cun posto de honor para a música

Concerto das Letras Galegas da Banda de Salcedo, esta mañá no Teatro Principal

Concerto das Letras Galegas da Banda de Salcedo, esta mañá no Teatro Principal / Rafa Vázquez

A historia do idioma galego pode resumirse como sete séculos de normalidade (dende as orixes ata aproximadamente o século IX, cando se diferenciou do latín galaico, e ata a introducción do castelán no XVI) e cinco séculos de conflitos (dende o XVI ata a actualidade). Os problemas de diglosia (o escenario no que nunha comunidade bilingüe unha das linguas goza de máis prestixio ou privilexios) continúan e hoxe preocupa especialmente a transmisión da nosa lingua aos máis novos: os nenos plenamente galegofalantes non chegan á cuarta parte do total.

É un desafío ao que apuntaron ao longo da xornada de hoxe administracións, asociacións culturais e veciñais implicadas na organización dos actos do Día das Letras Galegas, que centraron na cativada boa parte da programación, coa idea de incidir nese futuro da lingua.

Cos pequenos, as outras grandes protagonistas foron a poesía e a música, coa que a Boa Vila inaugurou a Festa da Lingua. Ésta trasladouse por mor do mal tempo á pranta primeira do Mercado, onde está previsto que actúen esta tarde Os Vacalouras e Catuxa Salom.

O outro escenario das celebracións foi o Teatro Principal, onde a Banda de Salcedo ofreceu o seu concerto polo Día das Letras.

Asistentes ao concerto da Banda de Salcedo.

Asistentes ao concerto da Banda de Salcedo. / Rafa Vázquez

Pola súa parte, a banda de gaitas Polavila percorrerá as rúas nesta primeira xornada de festa, unha proposta capitaneada polo Centro Social A Pedreira que continuará mañá con distintas actividades. Principiarán ás 11 horas, tamén no Mercado, con xogos populares da man de Soroas e, unha hora máis tarde, será a quenda da animación de Peter Punk e o seu espectáculo Peor Impossivel.

A banda de gaitas Foula porá a música nesta xornada na que tamén se celebrará un xantar popular á que están convidados os meniños, mentras que adolescentes tamén contan con descontos.

O obxectivo desta programación que pon o aceno na rapazada é incidir “no esforzo que debemos facer como sociedade para que a lingua galega se transmita e teña así mil primaveiras máis”, lembrou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.

A festa continuará mañá en Pontevedra con distintas actividades. Principiarán ás 11 horas con xogos populares da man de Soroas e, unha hora máis tarde, será a quenda da animación de Peter Punk e o seu espectáculo Peor Impossivel

A lembranza a Luísa Villalta, á que se adica este ano o Día das Letras, presidiu os actos cos que Poio reafirmou o seu compromiso coa lingua e cultura galegas. Desenvolveronse no Centro Cultural Xaime Illa, onde se fixo entrega dos premios do certame literario do mesmo nome.

O alcalde, Ángel Moldes, suliñou que o 17 de Maio é “unha oportunidade para poñer o foco na nosa cultura, nas nosas letras, para enxalzar todas e cada unha das persoas que coa súa obra, como Luísa ou Xaime, contribuíron de xeito importante a construír Galicia”.

O baile galego non faltou en Sanxenxo.

O baile galego non faltou en Sanxenxo. / FdV

Tamén expresou o seu convencemento de que “todos compartimos o noso orgullo e o noso sentimento pola nosa lingua. Hoxe é un día para reafirmar o compromiso para preservar e difundir a cultura galega como parte da nosa identidade”.

No Concurso Literario Xaime Illa, que chegou á súa 32 edición e que promove a Sociedade Cultural e Deportiva Raxó, participaron máis de 100 escritores de distintas vilas galegas e tamén chegaron propostas da Arxentina

No Concurso Literario Xaime Illa, que chegou á súa 32 edición e que promove a Sociedade Cultural e Deportiva Raxó, participaron máis de 100 escritores de distintas vilas galegas e tamén chegaron propostas da Arxentina.

Tras analizalas, o xurado premiou na categoría A, de 6 a 8 anos, a Balma Rodríguez Salgueiro na modalidade de poesía, e a Pablo Calvo Rodríguez en relato ou conto.

Na categoría B, de 9 a 11 anos, os traballos galardoados foron os de Nadir Arís Casas, en poesía, e Ramón Arís Iglesias, en relato ou conto. Pola súa banda, a poesía de Samuel Cochón Alonso e o relato ou conto de Mateo Luis Millán Fernández foron os seleccionados da categoría C, de 12 a 13 anos.

Na categoría D, 14 e 15 anos, Rubén Rodríguez Torres gañou na modalidade de poesía e Lucas Alfonso Alfonso en relato ou conto. Quedaron desertos as dúas modalidades na categoría E, de 16 e 17 anos.

Por último, na categoría F, para maiores de idade, os premiados foron Soledad García, de Nigrán -o resto de galardoados son veciños de Poio-, en poesía e Sandra Fernández Prado en relato ou conto.

A celebración tamén contou coa participación do xornalista e escritor Ramón Rozas, que conversou coa concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, sobre a súa experiencia no proceso da escrita e da súa traxectoria profesional.

Outro dos escenarios festivos en Poio foi Combarro. No salón de actos da Comunidade de Montes actuaron o cantautor Miguel, que interpretou composicións propias e galego, e o grupo fok Curtidoira, que mestura “aire novo de xuventude e a experiencia dos máis veteranos” para mostrar o noso legado musical, sinala a Asociación Cultural Virxen da Renda, organizadora do espectáculo.

Sanxenxo foi outro dos concellos da comarca que homenaxeou a Luísa Villalta, neste caso coa actuación do grupo de corda Dúo Silencio e de Abiñadoira.

Os pequenos da casa, e tamén a música, capitalizaron asemade a programación en Vilaboa, onde as crianzas foron convidadas na Casa de Cultura de Riomaior á sesión matial “Leo e a música”.

Participantes, este mediodía, no acto institucional que celebrou o Concello de Marín.

Participantes, este mediodía, no acto institucional que celebrou o Concello de Marín. / FdV

En Marín o Día das Letras principiou cun obradoiro de deseño e debuxo de letras (lettering) titulado “Debuxando versos” e que encabezou María Sancho no Museo Manuel Torres.

A mediodía Picuíña protagonizou un pasarrúas pola vila que deu paso ao acto institucional, que incluiu a entrega do XXII Premio de Poesía do Concello de Marín, nun encontro no que participaron os centros educativos.

O galardón recaeu no manuscrito “Up/in the air, a historia dun traxecto en avión a Belgrado” de Francisco Javier Fernánez Davila, un poemario do que o xurado destacou a súa orixinaliade, coidado de itmo e a interesante forma de abordar a relación entre o mar e a distancia.

Pola tarde celebrouse o espectáculo con Orivarai, organizado en colaboración coa Editorial Galaxia, con Luísa Villalta como protagonista e que incluiu un reparto de libros.

Finalmente, as celebracións programadas polo Concello despediranse a partires das 20 horas co Concerto de Primavera da Banda de Música de Marín.

Co gallo das Letras Galegas, o Ateneo Santa Cecilia celebrou o seu X Concurso de Relato Curto “Marín Conta”, que premiou a 13 alumnos de Primaria, ESO, Bacharelato e FP e Educación Especial.

Suscríbete para seguir leyendo