Galiza reducida, reducir Galiza (e II) - Faro de Vigo

Opinión | De bolina

Galiza reducida, reducir Galiza (e II)

Manuel Fraga Iribarne.

Manuel Fraga Iribarne. / FdV

Abordabamos na crónica da pasada semana –e a partir sempre de Galicia reducida, o ensaio de Rodri Suárez, publicado por Morgante– os posibles motivos polos que o país galego se comporta de xeito (tan) diferente segundo cal veña resultar o ámbito da consulta electoral. Pois ben; xa coñecemos a resposta de Suárez: a autonomía galega foi construída a partir dun imaxinario conservador que segue vixente e mesmo, en demasiadas ocasións, coa axuda das propias forzas da esquerda. De aí, xa que logo, os resultados á vista. Leva razón o noso ensaísta na súa análise?

Antes de entrarmos a considerar a cuestión, coido que se fai necesario precisar, non obstante, que non se trata dunha “rareza” exclusiva de noso. Sen ir máis lonxe, eis como desde 1977 até 2011, o Partido Socialista foi a primeira forza en todas e cada unha das convocatorias celebradas en Cataluña para o Congreso de Deputados español. Mentres, desde 1980 deica 2003, CiU –con Jordi Pujol á fronte– deveu gañador, polo contrario, en todos e cada un dos comicios autonómicos celebrados. En fin, penso que é posible atoparmos aínda outros exemplos de disparidades por España diante.

Mais coido asemade que se habemos de ser realmente sinceros na nosa perspectiva, verdade é que ninguén acreditaba ao certo (de acordo: Camilo Nogueira un pouco/bastante) na autonomía galega por volta de 1981 –apenas un 28,27% de participación no referendo aos efectos–. En realidade, conservadores e socialistas tan só a promoveron –e “promoveron” é un dicir, no caso dos primeiros– e foron aceptala logo como parte dunha sorte de “pedrea” da lotaría estatutaria. Da súa parte, o nacionalismo chegara a unha conclusión determinante: “Estatuto nunca máis, bases constitucionais!”

Pois ben; así continuaban, máis ou menos, as cousas cando en 1989 Manuel Fraga Iribarne foi “desembarcar” en Santiago de Compostela. Incapaz de desbancar a Felipe González no conxunto estatal pero consciente coma ninguén das posibilidades dunha acción gubernativa desde a súa terra natal, Fraga entendeu que o seu único futuro político consistía en devir algo así como o verdadeiro “pai creador” da Xunta de Galicia. Falamos, entón, da plena conformación dun poder autonómico real que o de Vilalba soubo artellar de xeito adecuado: para si, claro é, mais aínda para os seus continuadores até a actualidade. Para definir tal proceder viña contar, desde logo e desaparecida a UCD, con toda a estrutura herdada do franquismo por máis que, iso tamén, tanto el mesmo como o conxunto do PP demostraron –e demostran aínda– ser quen de aggiornarse cosmeticamente a conveniencia. “Xestionar o que hai (con sentidiño e sen experimentos)”: velaí o resumo de toda a eficiente maquinaria electoral do Partido Popular, elección tras elección. Para a metade dos galegos e galegas, unha aposta fiable. Para outros moitos, unha sorte de fado infausto contra o que, polo visto, nada se pode facer.

Francisco Vázquez antes ou agora Abel Caballero (ninguén parece lembrar xa que o actual alcalde de Vigo foi candidato á presidencia da Xunta en 1997, quedando en terceiro lugar tras o propio Fraga e X.M. Beiras): se algo caracteriza o PSOE galego, iso vén ser o seu talento parar crear exitosos poderes locais ao tempo que se mostra abraiantemente inútil na hora de axeitar un proxecto autonómico de seu. Tal carencia, unida a esoutra incapacidade para atopar candidatos atractivos, explica que só por puro rebote –e sempre co desmaio de Fraga en pleno Parlamento polo medio– puidese alcanzar algunha vez a presidencia de Galiza. Así as cousas, e no que se refire á confrontación galega, os socialistas apenas poden respirar grazas aos posibles desacertos dos seus competidores e/ou aos beneficios de estaren instalados na Moncloa.

"Non é dado afastar os conservadores de San Caetano cando non se confía –non o suficiente– nunha alternativa propia"

Sen obxectarmos o seu carácter de ave Fénix, penso que cómpre facer memoria e lembrar, entón, que aquilo que foi catapultar o BNG cara aos espazos dunha autonomía que negaran con vehemencia ten moito que ver, paradoxalmente, cos efectos/contraefectos do “affaire Fraga”. Porén, a pregunta é se de veras acreditan na coalición nacionalista na posibilidade de que un dos seus candidatos/as chegue algún día á presidencia da Xunta e, de aí, na gobernación da autonomía. Porque acontece que o Bloque si é capaz de presentar, e levar a termo con eficacia, programas gubernativos no ámbito local. Non obstante, cando se trata de eleccións de noso, velaí que as propostas identitarias, a reclamación persistente dun maior nivel de autogoberno –ao que case se lle atribúen cualidades máxicas– veñen esvaer, disipar o resto do seu programa. Teimando nunha sorte de “operación Sísifo”, tal semella, pois, que no BNG teñan maior interese en arredaren calquera tentación catch-all party que en accederen ao poder autonómico: con certeza, o afán por sacrificaren líderes –Beiras, Quintana… e veremos que sucede coa estintilante Ana Pontón– da boa medida dese proceder. En fin, un teito de formigón armado, que non de cristal, para os devezos progresistas.

O corolario dun imaxinario conservador, daquela e como quere Rodri Suárez? Ou acaso/tamén o produto, tal e como se habitásemos en 1981, dunha incredulidade? Sexa como fose, non é doado afastar os conservadores de San Caetano cando non se confía –non o suficiente– nunha alternativa de noso. Mentres, lisérxica e/ou neobeata, Compostela, e como sempre, levita.

Suscríbete para seguir leyendo