Restauración

Opinión

Restauración

Leo unha entrevista ao hispanista Joseba Gabilondo na que sostén un par de ideas que axudan a ler a realidade política do Estado español. A primeira é que España non é unha nación, senón unha realidade imperial nun primeiro termo e postimperial nun segundo. A outra idea é que a historia de España consiste nunha sucesión de restauracións a través das cales o proxecto estatal capea os embates populares que xera a súa disfuncional constitución. Esta natureza reactiva do Estado fai que sexa percibido máis coma un ente represor que benfeitor. 

Sendo interesantes, estas ideas non resultan novas. O propio Castelao profesaba unha crenza similar cando vía nos Reis Católicos a orixe interna do que despois sería o imperio transatlántico, cando estimaba que na derrota dos Comuneros casteláns polos Austrias estaba a orixe do afastamento do poder arredor da corte e, finalmente, cando vía nos Borbóns o cénit desa elitización e centralización tan pouco acorde á plural natureza hispana. Cánovas del Castillo non faría máis que aggiornar todo ese pouso histórico a través do funil do liberalismo doutrinario. E nesas seguimos no posfranquismo. 

Co resultado das eleccións catalás celebradas o pasado domingo péchase definitivamente un ciclo iniciado coa madrileñización do Estado aznariana e coa crise inmobiliaria. O retroceso xeral do independentismo (malia que Puigdemont siga vivo) e, especialmente, a desfeita de ERC e a CUP, unido ao discreto resultado de Sumar e á dereitización de todo o arco parlamentario cos bos resultados do grisallento Illa, do PP, Vox e Aliança Catalana indican que a volta á orde se instalou no Principado. O movemento indepe, como antes a corrente xurdida do 15-M, experimentou nas súas carnes a impotencia que xera a presenza dun Estado cuxa estupenda mala saúde precisa ser confrontada con movementos menos vaporosos, máis realistas no xeopolítico e máis audaces á hora da verdade (cousa diferente é que o ethos de clase media predominante nas súas bases acepte esa necesidade). 

A esquerda estatal está na UCI e, malia as correntes de fondo que se produciron na oposición, as eleccións vascas e galegas deixaron uns resultados nos que prevalece o statu quo: o PP goberna Galiza e o PNV o País Vasco. Co regreso do PSC á Generalitat ou, no seu defecto, dun Puigdemont que só será presidente aceptando pactos de Estado, complétase unha 
nova restauración. 

A pata que falla? A situación a nivel internacional segue camiñando sobre areas movedizas.

Comentarios